Propostas en materia demográfica: deter a perda de poboación!

Cuntis non é alleo á situación demográfica que padece o noso País. A perda de poboación vén sendo constante nos últimos anos e non se observan iniciativas que poidan reverter esta situación. Se ben o Goberno Municipal vén de anunciar recentemente unha axuda á natalidade, a valoración é que, se ben é unha medida positiva e na dirección correcta, resulta claramente insuficiente.

Ante esta necesidade e ante a evidencia de que o problema demográfica non está presente na axenda política a ningunha escala coa intensidade que debera, Veciñanza elaborou unha proposta para o deseño dun Plan de Fixación de poboación que busca analizar a decadencia poboacional en Cuntis e propór medidas para reverter as condicións que a provocan. Continuamos na liña de ofrecer propostas dende unha oposición responsable, construtiva e capaz.

O documento presenta unha valoración inicial que ten en conta tanto a gráfica poboacional como a do censo do colexio público de Cuntis, que entendemos que é unha variable fundamental para entender a estrutura poboacional do noso concello. A seguir, esa análise elabórase en base a tres eixos que explican as dificultades para fixar poboación: as carencias en materia de emprego, servizos sociais e planeamento urbanístico (PXOM).

No referido ás propostas diferéncianse dous tipos, as de medio prazo e as de acción inmediata. Entre as primeiras atopamos:

  • o desenvolvemento do polígono da Ran. Cónstanos que nas últimas semanas, a partires da iniciativa de Veciñanza para o seu impulso, incrementouse a acción do Alcalde e mesmo a Deputación de Pontevedra concedeu unha subvención para diversas intervencións ao respecto.

  • o potenciamento do sector turístico. Cuntis segue sen contar cunha estratexia de promoción turística que fixe un plan de traballo e uns obxectivos. Contratouse durante este ano 2017 un técnico de turismo pero a dotación orzamentaria segue a ser nula. Non existe por parte do Grupo de Goberno a conciencia de que este é un sector económico de gran relevancia e con capacidade para xerar movemento económico.

  • a aprobación do PXOM. Neste ámbito non se detecta avance ningún, e figura como unha das principais preocupacións dos veciños/as de Cuntis, que se vén incapacitados/as para construír con garantías e planificar vivenda ou mesmo negocios na nosa vila.

  • a posta en servizo do Centro de Día. Reactivada a iniciativa logo de catro anos de parálise do Partido Popular de Cuntis, agora debe a Xunta de Galicia asinar o Convenio co Concello e poñelo en servizo o antes posible. A atención nesta materia nunha área con notable avellentamento da poboación preséntase como unha necesidade imprescindible.

  • o reforzo do programa de conciliación Cuntilín

Son eixos estruturais imprescindibles para crear condicións para reverter a crise poboacional que asolaga a nosa vila.

En canto ás medidas que se poden implementar a curto prazo, incluíndo dotación orzamentaria para o próximo exercicio, sinalamos:

  • o reforzo dos servizos de transporte

  • o incremento das axudas á natalidade

  • bonificacións fiscais por empadroamento

  • axudas ao alugueiro

  • articulación da oferta cultural, deportiva e de lecer e vantaxes na mesma

  • axudas a material escolar a todos os niveis (incluíndo o universitario).

Veciñanza agarda que esta proposta sexa tida en consideración por parte do Alcalde de Cuntis e acepte debater sobre un problema tan delicado como é o demográfico, así como asumir as medidas que se propoñen no documento. O compromiso cómpre reflectilo nos Orzamentos do ano 2018 e Veciñanza defenderá propostas neste sentido para que poidan ter cabida e tratar de reverter así unha situación preocupante.

Share

Tamén pode gustarche...